Saturday 18 de May de 2024

O primeiro Plan de Xestión de Risco de Inundación da demarcación Galicia-Costa foi aprobado polo consello de ministros


Trátase do derradeiro paso que ten que dar esta folla de ruta antes da súa entrada en vigor

Galicia conta co primeiro Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da demarcación Galicia-Costa, unha vez que este documento pasou o seu último trámite administrativo ao ser aprobado polo Consello de Ministros. Estamos ante a folla de ruta ata 2021 en situacións de risco de inundacións ou como xestionalas si estas chegan a producirse.

O obxectivo do PXRI é lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para diminuír o risco das inundacións e reducir as súas consecuencias negativas, especialmente naquelas áreas identificadas con maior risco.

A finalidade do PXRI é minimizar o risco de inundacións, dentro do posible -dado que en determinados casos estes fenómenos son ata o de agora inevitables- e paliar os seus efectos. Para conseguilo, márcase as seguintes metas a nivel xeral: incrementar a percepción do risco e das estratexias de autoprotección entre a poboación; mellorar a coordinación administrativa, a capacidade preditiva e a ordenación do territorio en zonas inundables; diminuír a perigosidade para a saúde humana, as actividades económicas, o patrimonio cultural e o medio ambiente; e contribuír ao mantemento do bo estado das masas de augas.

Así, o Plan recolle as medidas que cada administración debe aplicar no ámbito das súas competencias para acadar estes obxectivos. Todas estas actuacións articúlanse ao redor da prevención, a protección, a preparación, e a recuperación/revisión. No eido da prevención, contémplanse medidas como a adaptación dos plans urbanísticos ou a conservación de canles fluviais. En canto á protección, abordarase a mellora de drenaxe en infraestruturas ou a restauración fluvial e reforestación de ribeiras. Xa no que se refire ás actuacións en materia de preparación, mellorarase os sistemas de alerta meteorolóxica e hidrolóxica, así como a planificación institucional de resposta ante as emerxencias. Por último, para recuperar e revisar tras as inundacións, o Plan establece medidas como a execución de obras de emerxencia para reparar infraestruturas afectadas ou a realización dun diagnóstico posterior da xestión da inundación.

Hai que ter en conta que, aínda que este é o primeiro PXRI da demarcación Galicia-Costa, xa existían ferramentas e instrumentos para facer fronte ás inundacións, como o plan de protección civil ante risco de inundación de Galicia, ou os sistemas de alerta temperá xa en funcionamento, como Artemis.

Áreas de risco significativo
Antes de elaborar o Plan, realizáronse dúas fases previas que consistiron na avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI), na que se seleccionaron as Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) de Galicia. Neste senso, establecéronse tres áreas de maior risco (Rio Anllóns-Carballo; Rio Ulla e Sar e Rio Umia-Caldas de Reis).

Posteriormente, esas zonas reflectíronse a través de mapas de perigo e risco de inundación.
e sobre estas ARPSI o programa inclúe medidas específicas para actuar en cada unha destas áreas.